Este Nadal, agasallos en galego (II)

O Servizo de normalización lingüística do Consello da Xuventude de Galicia presentou a guía O noso Nadal, galego e verde cos obxectivos de animar a cidadanía a vivir un Nadal en galego, solidario e respectuoso co medio.

Coa edición da guía O noso Nadal, galego e verde o CXG pretende animar a todas as persoas a vivir un Nadal propio, autóctono e a gozar destas datas, xunto coa xente que queremos, respectando o medio e as tradicións, porque Galicia é unha terra hospitalaria, amigable, galega e verde grazas ás súas xentes que século tras século souberon gozar da súa terra dun xeito san e natural, respectando as súas orixes e peculiaridades.

A guía consta de dúas partes diferenciadas: a guía de galego e a guía verde.

A parte de galego contén artigos de Séchu Sende, Paula Carballeira, Marcus Fernández e o equipo responsable do proxecto Orella Pendella. Ademais, inclúe unha serie de recomendacións para agasallar produtos culturais en galego e información sobre diferentes roteiros literarios.

A parte verde contén artigos de María Carmen Fidalgo (Amarante), Juan Marcos Pérez Gulín (Fundación Galicia Sustentable), Xosé María García Villaverde (Verdegaia), Rebeca Carreiro (Amigos da Terra) e Adrián Serantes (proxecto Xanela aberta). Ademais, inclúe información sobre As termas de Bande, un lugar de interese.

A guía tamén inclúe dous menús tradicionais completos para degustar nestas festas (menú 1: coliflor con bacallau, carne asada e anguía de mazapán; menú 2: sopa de allo, ollomol ao forno e compota de mazá e pera ao viño tinto), elaborados por Marta Xen, e un menú vexetariano (cebolas asadas con queixo de cabra, berenxenas recheas e torta de mazás e noces).

SNL do Consello da Xuventude de Galicia. O noso Nadal, galego e verde (PDF)

Recomendacións do SNL do Concello da Coruña

Recomendacións do SNL do Concello de Redondela

SNL do Concello de Cerceda. Un Nadal de agasallos. Un Nadal en galego (PDF)

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes