Os ciberimandiños. Xosé Manuel Pereiro en El País

Saben que a enciclopedia de referencia en Internet, a Wikipedia, ten en galego a décima parte dos artigos que en español, pese a que a porcentaxe de galegofalantes no mundo é 0,7% da de hispano falantes? Que hai aplicacións informáticas que se traducen antes ao noso idioma que ao francés ou ao alemán? Que tamén está traducida Facebook, a rede social que tende a ter tantos membros no mundo como usuarios de Internet, e na súa irmá emerxente, Twitter, o galego está entre os 20 idiomas máis usados? O idioma propio de Galicia ten unha presenza na Rede moito máis elevada que nos medios de difusión tradicionais, e todo iso non con subvencións oficiais, como reza o mantra neoliberal, senón grazas ao esforzo desinteresado de milleiros de persoas.

Todo comezou nunha época tan prehistórica en Internet como principios dos 90. Unha das primeiras asociacións, aínda vixente, é a Ciberirmandade da Fala, que fundou Camilo Regueiro. Daquela había 300 webs en galego (o ano anterior eran 95). Ao seu labor de tradución do software e difusión sumouse despois Galego21, un proxecto nucleado por Antón Méixome e Susana Sotelo e o autor do primeiro programa de tradución automática, Roberto Abalde, arxentino neto de galegos. Pero o crecemento exponencial deuse coa chamada web 2.0. A Internet aberta ao uso, e non só ao consumo, de calquera, con coñecementos de informática ou sen eles, e ao chamado traballo colaborativo.

A Galipedia, a Wikipedia en galego, tiña onte a mediodía 55.792 artigos. Entre os 272 idiomas que hai, está no posto 41º por número de artigos, por riba do hindi e do grego (o primeiro é o inglés, o segundo o alemán. O español está de oitavo, con 564.304, case empatado co portugués, e por detrás do polaco e o holandés). A Galipedia creouna en marzo de 2003 Ilvi, un internauta ao que nin sequera coñecen os administradores da Galipedia, que supoñen que é estadounidense. O primeiro usuario galego, Agremon (Antonio Gregorio Montes, un ribadense de 52 anos), rexistrouse en agosto dese ano. “Eu comezara a colaborar na Wikipedia en español, pero en canto vin aquilo, sumeime e fun metendo cousas ata que desde Wikipedia me propuxeron ser administrador”, di Agremon, que agora sigue formando parte da ducia de administradores que coordinan a edición en galego. “Agora está en mans de xente máis nova”, di este profesor de Física que anda a promover unha rede de páxinas científicas galegas. “O mellor foi coñecer xente con ánimos de facer cousas por Galicia, e o peor, os que se foron por desavinzas e os que se meten para desfacer o que fan outros”.

Hoxe hai 17.000 usuarios rexistrados, aínda que non todos editan, pero tamén hai moitos que fan artigos de forma anónima. Entre uns e outros, van xa millón e medio de edicións. “Pode parecer fachendoso, pero a Galipedia ten máis calidade que as versións española ou portuguesa, pola sinxela razón de que é máis doado controlala. Retirar da Galipedia un artigo que aseguraba que en Curtis había tres lugares con nomes de Pokemon foi doado, abonda con ir ao nomenclátor. Retiralo da Wikipedia en inglés foi moito máis traballoso”, argumenta Xabier Cid, un ourensán de 34 anos residente en Escocia. Outro dos administradores, Alberte Álvarez Gil, un veciño de Salceda de Caselas que estuda en Madrid, ten mesmo recollido no seu blog unha chea de esmendrellantes achegas que houbo que retirar. Non todos os vandalismos son divertidos. Álvarez Gil recoñece que non usa demasiado a Wikipedia en español desde que perdeu o tempo tentando corrixir -en van- Rianjo e tamén porque domina o inglés e algún idioma a maiores.

En Burdeos (Francia) vive Juan Lens, un arquitecto de 26 anos que foi dos primeiros en poñerse a traducir Facebook. “O máis interesante é que un grupo de tradutoresamateurs estamos aprendendo o novo galego das tecnoloxías, e mesmo inventando sen medo usos como o de ‘facerse seareiro de…’ ou ‘facerlle cóxegas a alguén’. Tamén teño visto castelanfalantes pechados que poñen o seu Facebook en galego e agradecen ver esas traducións que poderían ser controvertidas. A miña moza, que é polaca, hai unha semana cambiou o seu Facebook para o galego, e agora avísame das frases que hai sen traducir”. Van 44.996 traducións entre Lens e o resto dos 172 tradutores activos, desde estudantes a profesionais como Fernando Ojea, director de Relacións Exteriores da CRTVG: “Foi o propio Facebook quen me invitou a traducir, non sei por que, e pareceume que era un bo xeito de espallar o galego polo mundo, elevándonos un pouco sobre o balbordo das nosas controversias lingüísticas cotiás. Probei e gustoume”.

O altruísmo tamén o practican as empresas. Algueirada, sociedade de animación cultural, é o soporte de Blogaliza, a comunidade de blogs que agrupa e difunde 2.800 das 9.000 bitácoras que se estima existen en galego. Dálles hospedaxe, aplicacións e servizos de balde, incluído o de consulta técnica on line, un soporte certamente inhabitual. Todo, incluídos tres postos de traballo e tres colaboradores, sufrágase cos outros ingresos da empresa, sen axudas públicas. “Nunca as pedimos. A gran construción intelectual que é osoftware libre é unha economía de agasallo, que non é economía, pero si que o é. E na medida en que necesitamos axuda, a comunidade de blogs colabora, bota unha man etiquetando…” explica Pedro Silva, un vilagarcián de 37 anos que traballa a tempo completo en Blogaliza, onde se xuntaron esforzos voluntarios para realizar AchegArte, a feira cultural que substituíu ao Culturgal cando a Xunta non se fixo cargo.

Tamén A Navalla Suíza botou a andar hai un mes EuFalo.TV, que se define como “un documental colaborativo sobre a lingua e os falantes”. Cento e pico de vídeos, gravados polos autores ou enviados pola xente, sobre qué se fala e por qué. Teñen 579 usuarios rexistrados, 2.230 fans en Facebook e levan 47.871 visitas dende o seu lanzamento. “Dende que nos xuntamos para montar a empresa tiñamos pensado que un proxecto ao ano fose propio e feito pola ben da comunidade”, sinala o coordinador d’A Navalla, Berto Yáñez, un viveirense de 31 anos, que non zafa do debate de se facer as cousas de balde supón competencia desleal ou incide negativamente no emprego. “O importante é ‘facer cousas’, e facelas pola comunidade é crear riqueza, directa e indirectamente. Un exemplo claro é o software libre, todo ese traballo feito gratuitamente ao longo dos anos derivou en moreas de empregos”, asegura. “As culturas colaborativas, capaces de crear riqueza dende a colaboración, progresarán. As que seguen un modelo medieval sostido na autosuficiencia, desaparecerán”, di, máis categórico, Xabier Cid.

Artigo orixinal en El Pais

Orgullosas/os do noso, orgullosas/os do galego

A CENDL acaba de lanzar a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.

Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística

Orgullos@s do galego

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega nas escolas de idiomas

No DOG do día 03 de febreiro de 2009 publicouse a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega nas escolas de idiomas de Galicia.

Para poder matricularse hai que ser persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia.

Para participar no curso de nivel medio hai que acompañar a solicitude co certificado ou a validación de perfeccionamento da lingua galega e para o de nivel superior hai que acompañala coa certificación que acredite que se ten superado o curso de nivel medio.

Hai dúas quendas, unha de febreiro/marzo a xuño e outra de outubro a xaneiro. Para a primeira quenda o prazo de matrícula remata o día 23 de febreiro.

As solicitudes deberán presentarse na Escola de idiomas na que se pretenda desenvolver o curso e as prazas asignaranse por orde de inscrición.
Os cursos convocados nas escolas de idiomas da Coruña e de Santiago de Compostela son os seguintes:

Cursos de nivel medio

Santiago de Compostela

1º cuatrimestre 2010-2011 (2 cursos). Horario por determinar

A Coruña

2º cuatrimestre 2010. Luns, mércores e venres. Horario por determinar

2º cuatrimestre 2010. Martes e xoves. Horario por determinar

1º cuatrimestre 2010-2011 (2 cursos). Horario por determinar

Cursos de nivel superior

Santiago de Compostela

2º cuatrimestre de 2010. ( 2 cursos) Luns, martes e xoves. 13:00 a 15:00

2º cuatrimestre de 2010. Luns e mércores. 18:30 a 21:00

2º cuatrimestre de 2010. Martes, xoves e venres. 10:30 a 12:30

1º cuatrimestre 2010-2011. Horario por determinar

Escola oficial de idiomas de Santiago de Compostela

Escola oficial de idiomas da Coruña

Presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en Baio

Ao redor de 80 perosas participaron o día 5 de febreiro na presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega que tivo lugar en Baio.
Na fotografía os membros de Prolingua Antonio Díaz Amor, Ricardo Vigueret e Teresa Castro.

20 mentiras para ir abrindo boca

Prolingua 20 Mentiras sobre a lingua galega (2010)

Pilar Ponte, elaborou esta presentación con 20 mentiras das 55 recollidas no libro 55 mentiras sobre a lingua galega.
Presentación no auditorio de Baio o día 5 de febreiro as 20:30 horas.

Presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en Baio

O vindeiro venres día 5 de febreiro a plataforma Prolingua presentará, de maneira simultanea, en 63 localidades  o libro 55 mentiras sobra a lingua galega.

Entre as localidades nas que se vai a desenvolver a presentación está a de Baio.

A presentación será no Auditorio de Baio as 20:30 h. e correrá a cargo de Teresa Castro, Antonio Díaz Amor e Ricardo Vigueret.

Plataforma Prolingua

55 mentiras sobre a lingua galega

(04/02/2010) Nova en La Voz de Galicia

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes