Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e de preparación para as probas Celga


Mediante a orde do 29 de decembro de 2010(DOG de 14/01/2011), a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia convoca cursos de linguaxe administrativa e de preparación para as probas  Celga.

Os ditos cursos desenvolveranse nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma.

Cursos de linguaxe administrativa galega

Persoas destinatarias:

Persoal das diferentes administracións públicas de Galicia que se encontre en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar. Exceptúase o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

Persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes necesarios para a matrícula nestes cursos. As  súas solicitudes só serán tidas en conta no caso de que non se cubran as prazas ofertadas para cada curso por empregados/as públicos/as.

Certificados ou acreditacións necesarias para a inscrición:

O alumnado que aspire a participar no curso medio de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de lingua galega 4 (Celga 4).

O alumnado que aspire a participar no curso superior de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso medio de linguaxe administrativa galega.

Solicitude e prazos:

As solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38º.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso, remitirase unha copia da solicitude de matrícula e a documentación requirida por fax ou correo electrónico á escola oficial de idiomas correspondente, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección.

Os prazos para a presentación das solicitudes serán os seguintes:

-Para a quenda de febreiro/marzo: 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para a quenda de outubro: do 1 ao 20 de setembro de 2011.

Deberase utilizar para a solicitude o modelo de instancia que vai como anexo a orde. (PDF)

Datas,  horarios e lugares de desnevolvemento dos cursos:

Datas,  horarios e lugares de desenvolvemento dos cursos de linguaxe administrativa galega(PDF)

Cursos de preparación para as probas Celga

Persoas destinatarias:

Persoas maiores de dezaseis anos, ou aqueles que os cumpran no ano natural da convocatoria.

Certificados ou acreditacións necesarias para a inscrición:

Non existen

Solicitude e prazos:

As solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38º.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso remitirase unha copia da solicitude de matrícula e a documentación requirida por fax ou correo electrónico á escola oficial de idiomas correspondente, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección.

Deberase utilizar para a solicitude o modelo de instancia que vai como anexo a orde. (PDF)

Datas, horarios e lugares de desenvolvemento dos cursos:

Datas, horarios e lugares de desenvolvemento dos cursos de preparación para as probas Celga (PDF)


Orde do 29 de decembro de 2010 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán nos períodos e nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican. (PDF)




SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes