Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua 2011

Deputación da Coruña publicou no BOP número 44 do 4 de marzo a convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua.

Obxectivos

Darlle continuidade á convocatoria do Premio “Rosalía de Castro” iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.

Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Destinatarios/as

Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.

Méritos que se valoran

Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:

– tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego

– actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega

– uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos

– campañas de información e/ou publicitarias en galego

– contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural

O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.

Premio

O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso.

O Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.

Prazo

O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es

O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.

Xurado

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:

– Secretaría Xeral de Política Lingüística,

– movemento asociativo da provincia da Coruña,

– Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,

– Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,

– medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

– Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.

Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado poderá declarar deserto o premio.

A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación.

O xurado queda facultado para interpretar estas bases.

Entrega do premio

A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.

Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua

Resolución do I Premio “Rosalía de Castro” de lingua

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes