Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Dicionario de pronuncia da lingua galega, do profesor Xosé Luís Regueira, foi publicado pola Real Academia Galega en 2010 no marco dun proxecto desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega, coa colaboración da Secretaría xeral de política lingüística. Ademais da transcrición fonética que ofrece a edición impresa, a versión electrónica permite escoitar a locución do léxico. Trátase dun total 60.000 pronuncias na súa variedade estándar, que foron gravadas coa colaboración da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

O dicionario en liña, accesible no sitio web http://ilg.usc.es/pronuncia, ten como obxectivos prioritarios, por unha banda, facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores, profesorado etc.

Para isto, conta cun buscador.As buscas poden efectuarse por forma de palabra ou utilizando os comodíns * e ? para representar unha cadea de caracteres ou un caracter, respectivamente. A pantalla co resultado contén as palabras que coinciden coa busca, a información gramatical e o botón do reprodutor de son que permite oír a pronuncia. Picando en cada unha das palabras accédese á ficha completa, que contén a forma de palabra, información da clase gramatical, pronuncia ou pronuncias alternativas, a forma feminina (no seu caso), e remisión a variantes, así como, en certos casos, notas con información adicional sobre a palabra.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes