Criterios de linguaxe non sexista da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC , en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero, acaba de publicar unha guía de Criterios de Linguaxe non Sexista. Esta guía pretende ser un apoio no labor de redacción e creación textual para toda a comunidade universitaria, en especial para as persoas nas que recae a responsabilidade de difundir información institucional.

Esta guía está editada en copyleft, e pódese utilizar e adaptar noutros SNL, sempre que se recoñeza a autoría e non sexa para uso comercial.

Criterios de linguaxe non sexista (PDF)

Linguazas 1.1

A través do enderezo electrónico http://www.concellodezas.org/linguazas pódese acceder a Linguazas, unha completa web na que se recollen recursos lingüísticos para galeguizar a vida cotiá.

Linguazas naceu como unha ferramenta de uso interno, creada polo SNL do Concello de Zas para dotar de recursos e modelos lingüísticos ao cadro de persoal do Concello. Agora, agás algunhas seccións, está accesíbel para o público en xeral.

En Linguazas podemos atopar varias seccións:

Páxina principal: Aquí pódense atopar as últimas novas publicadas no blog do SNL e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ortografía e gramática: nesta sección pódese atopar unha selección de gramáticas de lingua galega e un resumo das cuestións lingüísticas que máis dubidas xeran.

Dicionarios e vocabularios: nesta sección atopanse accesos directos aos dicionarios on-line máis útiles: o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGA), o Dicionario Cumio de lingua galega e o dicionario E-Estravíz, este último coas definicións en normativa reintegrada pero que permite realizar buscas na norma ILG-RAG. Tamén podemos acceder a vocabularios técnicos ordenados por materias.

Recursos: dende aquí accédese a outras páxinas web de recursos lingüísticos, a distintas ferramentas para galeguizar a nosa computadora, a ferramentas para utilizar unha linguaxe non sexista, a distinta lexislación acerca da lingua galega, a lexislación xeral en galego, a distintos recursos para consultar a toponimia oficial en lingua galega e a unha selección de tradutores on-line.

Ligazóns: dende aquí accederemos as webs do Concello de Zas, de institucións e organismos oficiais, de boletíns oficiais, de institucións e organismos relacionados coa lingua galega, de organizacións e plataformas en defensa da lingua e de institucións relacionadas co tecido asociativo.

Administración: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal xa que o seu contido está destinado ao uso no ámbito interno do Concello de Zas. Aquí poderemos atopar modelos dos documentos máis habituais ordenados por departamentos, unha recompilación dos criterios lingüísticos recomendados para a redacción en lingua galega, un manual de documentación administrativa, vocabularios específicos relacionados co ámbito xurídico-administrativo e unha compilación da lexislación, tanto local, como autonómica ou estatal, máis utilizada no ámbito local.

Tecido asociativo: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal. Aquí poderemos atopar información xeral referente ao ámbito asociativo, modelos dos documentos máis utilizados polas asociacións e formularios que habitualmente teñen que utilizar as asociacións para comunicarse coas administracións.

Esta última sección contribúe a cumprir co convenio para o fomento da lingua galega que asinaron o Concello de Zas e a maioría do tecido asociativo do municipio. Mediante este convenio o Concello comprometíase a asesorar en materia lingüística e en fornecer a asociación dos recursos necesarios para esta utilizara a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios das actividades, etc.

As asociacións que asinaron o dito convenio recibiron un contrasinal para acceder a esta área.

Concurso de murais. Samaín 2011

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística convocou un concurso de murais con motivo da festividade do Samaín.

Os obxectivos deste concurso son:

-Conmemorar a festividade do Samaín.
-Promover o uso da lingua galega entre a xuventude do municipio
-Fomentar a creatividade de base en lingua galega como forma lúdica de galeguización e de creación do mercado cultural.
Poderá participar, formando equipos por aulas, o alumnado de infantil, primaria e secundaria que curse estudos, durante o curso 2010-11, nos centros de ensino participantes.
O prazo de presentación comezará o día 11 de outubro e rematará o día 27 de outubro de 2011.
Outorgarase un premio por categoría consistente en materiais didácticos para a aula gañadora.
O xurado estará composto por:
-O sr. alcalde do Concello de Zas ou a persoa na que delegue.
-O técnico de normalización lingüística do Concello de Zas, que actuará de
secretario.
-Un/unha representante de cada equipo participante.
A decisión do xurado farase pública o día 31 de outubro 2 de novembro e seralle comunicada ao EDL de cada un dos centros participantes.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes