Bo Nadal e ventureiro Aninovo a tod@s!

Postal_Nadal_2015 imaxe

AGASALLO.EU

Agasallo.eu é esta plataforma en liña que estás a explorar, e que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano. Para que se coñeza o que existe en galego! 😉

Cando unha persoa quere facer un regalo pode acceder aquí e buscar ideas e propostas, que pode consultar por tipo, idade da persoa á que vai destinado, prezo, etc., e atopar información completa sobre o produto e onde mercalo.

Agasallo.eu non é unha tenda en liña. Dáche ideas e propostas e indícache ou lévache a onde as podes adquirir, mais non se venden directamente a través desta plataforma.

Deste xeito, preténdese axudar a elixir agasallos e incitar que sexan en galego, visibilizar e dar a coñecer entre o conxunto da cidadanía creacións que usan a lingua galega, que a cidadanía coñeza que se poden regalar produtos no noso idioma de todo tipo e para todas as idades, incentivar a regalar filmes, libros, camisolas, discos, xogos, etc., e, en definitiva, creacións culturais galegas, e promocionar e apoiar os produtos e servizos de todo tipo, e as empresas, que usan o galego.

Así, aquí atoparás propostas organizadas en nove categorías: Libros, Música, Audiovisual, Xogos, Tecnoloxía, Téxtil, Experiencias, Alimentación e Outros. AGASALLO.EU

Agasallo.eu está impulsada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) que, para a súa posta en marcha, contou con colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e mantense e difúndese coa achega económica das empresas que participan incluíndo aquí as súas propostas.

  • Se creas, fas ou elaboras produtos ou ofreces servizos en galego, podes consultar máis información de como estar en Agasallo.eu no apartadoCOMO PARTICIPAR EN AGASALLO
  • Se, a través dun centro de ensino, asociación, entidade, empresa, etc., queres compilar e difundir, ben en papel, ben a través da rede, do correo, etc., propostas de regalos en galego, podes crear o teu catálogo en .pdf a través do apartado CREA O TEU CATÁLOGO DISTRIBUÍBLE
  • Se tes algo que nos dicir, algunha dúbida, comentario, proposta, etc., podes contactar connosco a través de info@agasallo.eu.
  • Se “simplemente” buscas ideas de agasallos en galego, fedella pola plataforma.

PanxoliñaZas. Concurso de panxoliñas.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta o concurso de Nadal PanxoliñaZAS. O seu principal  obxectivo é o de fomentar o uso da lingua galega na sociedade en situacións informais e festivas ou lúdicas da veciñanza en xeral.

Trátase dun concurso de vídeos de panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis dirixido á veciñanza de Zas, sen límite de idade e no cal se poderá participar de xeito individual ou en grupo.

O prazo de presentación dos vídeos acaba o día 23 de decembro, e despois serán pendurados no Facebook do Concello de Zas onde se poderá votar polos que máis nos gusten outorgándolles un “Gústame”.0001

Haberá un premio ao vídeo máis popular en Facebook e outros premios do xurado (premio á mellor presentación, premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da nosa zona e premio ao mellor vídeo infantil) que consistirán nun diploma de recoñecemento e mais vales de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

Esta actividade tamén procura potenciar o desenvolvemento da creatividade, fomento do uso das Tic, traballo en equipo e bo aproveitamento do tempo de lecer de xeito saudábel, ademais de recuperar panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis que se cantaban nesta zona e que aínda se continúa a facer pero que corren o risco de desaparecer co paso do tempo.

Cursos Celga e de Linguaxe Administrativa nas EOI e en liña

No Diario Oficial de Galicia do 13 de agosto de 2015 aparece publicada a convocatoria de cursos preparatorios para obter o Certificado en lingua galega (Celga) e mais cursos de linguaxe administrativa (medio e superior):

ORDE do 3 de agosto de 2015 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga), que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Destinatarias/os:

Os cursos de linguaxe administrativa van dirixidos ao persoal das administracións públicas de Galicia, excepto o persoal docente da Consellería de Cultura e Educación. Tamén poden solicitalos persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as, que poderán optar ás prazas no caso de que queden vacantes.

Nos Celga pódense anotar as persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan antes de finais deste ano.

Prazos de matrícula:

  • Dende o 14 de decembro de 2015 ata o 4 de xaneiro de 2016 para os cursos que se impartan en 2016.
  • Lugar de inscrición: na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso sen prexuízo da súa presentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.

Para calquera dúbida coa convocatoria ou coa inscrición podedes dirixirvos ao Servizo de normalización lingüística do concello a través deste mail: vanesa.otero@concellodezas.org ou no teléfono 981 708 303Imaxe Celga

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes