Contos vellos para rapaces novos

O próximo luns día 1 de agosto ás 18:00 horas no Centro sociocultural de Zas, no marco da programación da Semana Cultural, contaremos co contacontos “Contos vellos para rapaces novos”. Trátase dunha actividade de dinamización lingüística que homenaxeará a Xosé Neira Vilas en 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do novo programa ‘Galicia culturea. Lingua e cultura no verán’.
Cartel contos vellos jpg

‘Contos vellos para rapaces novos’

Unha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas, coa que o programa Galicia Culturea lle rende homenaxe ao escritor para achegarlle ao público xeral e, nomeadamente, ao familiar con cativada dos 5 aos 10 anos, unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Así, a actividade leva á rúa contos de tradición oral que chegan desde a Europa albanesa, eslovaca ou ucraína até as afastadas Nova Zelandia ou Australia, pasando polas asiáticas Birmania, India ou Xapón, as africanas Liberia, Malí ou Nixeria e narracións brasileiras, cubanas ou peruanas, entre outras. Quen participe nela terá oportunidade de facerse cun exemplar do fermoso libro editado en gran formato por Bolanda Edicións con ilustracións de Antía Barba.

Entre xullo e agosto chegará a 24 localidades da RDL: Abegondo, Ames, A Baña, Boqueixón, Cee, Ponteceso, A Laracha, Muxía, Noia, Ordes, Ribeira, Vedra, Zas, A Estrada, Marín, Pontecesures, Valga, Vila de Cruces, Cartelle, Ourense, Quintela de Leirado, Mondoñedo, Triacastela e Burela.

Agustín Fernández Paz (1947 – 2016)

Este mes de xullo deixounos Agustín Fernández Paz (http://agustinfernandezpaz.gal/), nado en Vilalba, era licenciado en Ciencias da Educación e exerceu como mestre durante máis de trinta anos en educación primaria e secundaria.
Agustín é un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía contar. Dende, Avenida do Parque 17, Cartas de Inverno ou O único que queda é o amor; ata as máis recentes, A Viaxe de Gagarín ou A Neve Interminable. Unha biblioteca persoal de máis de medio cento de publicacións da súa autoría.

Durante a súa traxectoria, Agustín recibiu varios premios polas súas obras. O premio Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas ou o premio Trasalba. Agustín cría que as palabras posuían a forza necesaria para cambiar o mundo e afirmaba que os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir.

Foto Agustín Fdz Paz Blog

Sempre tivo moi presente a súa vila natal e Vilalba tamén o tivo a el. Precisamente, hai apenas uns meses, antes do remate do ano escolar, o IES Santiago Basanta Silva púxolle o nome de Agustín Fernández Paz á biblioteca do seu centro nun dos actos do seu cincuentenario.

 

 

Curso de galego: Celga 2

Ata o día 16 de xullo aínda te podes inscribir no curso preparatorio para o Celga 2 que se vai impartir en Vimianzo no mes de setembro:

Lugar: CEIP San Vicenzo
Rúa do Candil, 19
Datas: do 12.9.2016 ao 02.11.2016
Horario: das 19.00 ás 21.00 h.
Días: de luns a venres

Podes consultar a convocatoria de curso Celga aquí:

http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160616/AnuncioG0164-080616-0004_gl.pdf

anuncio celga vimianzo

Resultados definitivos das probas Celga celebradas en abril de 2016

Xa están publicados os resultados definitivos das probas Celga 1, 2, 3 e 4 celebradas no mes de abril de 2016. Podes consultalos aquí.

CabeceraCursoCelga

 

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes