Agustín Fernández Paz (1947 – 2016)

Este mes de xullo deixounos Agustín Fernández Paz (http://agustinfernandezpaz.gal/), nado en Vilalba, era licenciado en Ciencias da Educación e exerceu como mestre durante máis de trinta anos en educación primaria e secundaria.
Agustín é un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía contar. Dende, Avenida do Parque 17, Cartas de Inverno ou O único que queda é o amor; ata as máis recentes, A Viaxe de Gagarín ou A Neve Interminable. Unha biblioteca persoal de máis de medio cento de publicacións da súa autoría.

Durante a súa traxectoria, Agustín recibiu varios premios polas súas obras. O premio Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas ou o premio Trasalba. Agustín cría que as palabras posuían a forza necesaria para cambiar o mundo e afirmaba que os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir.

Foto Agustín Fdz Paz Blog

Sempre tivo moi presente a súa vila natal e Vilalba tamén o tivo a el. Precisamente, hai apenas uns meses, antes do remate do ano escolar, o IES Santiago Basanta Silva púxolle o nome de Agustín Fernández Paz á biblioteca do seu centro nun dos actos do seu cincuentenario.

 

 

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes