Contos vellos para rapaces novos

O próximo luns día 1 de agosto ás 18:00 horas no Centro sociocultural de Zas, no marco da programación da Semana Cultural, contaremos co contacontos “Contos vellos para rapaces novos”. Trátase dunha actividade de dinamización lingüística que homenaxeará a Xosé Neira Vilas en 24 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do novo programa ‘Galicia culturea. Lingua e cultura no verán’.
Cartel contos vellos jpg

‘Contos vellos para rapaces novos’

Unha proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas, coa que o programa Galicia Culturea lle rende homenaxe ao escritor para achegarlle ao público xeral e, nomeadamente, ao familiar con cativada dos 5 aos 10 anos, unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Así, a actividade leva á rúa contos de tradición oral que chegan desde a Europa albanesa, eslovaca ou ucraína até as afastadas Nova Zelandia ou Australia, pasando polas asiáticas Birmania, India ou Xapón, as africanas Liberia, Malí ou Nixeria e narracións brasileiras, cubanas ou peruanas, entre outras. Quen participe nela terá oportunidade de facerse cun exemplar do fermoso libro editado en gran formato por Bolanda Edicións con ilustracións de Antía Barba.

Entre xullo e agosto chegará a 24 localidades da RDL: Abegondo, Ames, A Baña, Boqueixón, Cee, Ponteceso, A Laracha, Muxía, Noia, Ordes, Ribeira, Vedra, Zas, A Estrada, Marín, Pontecesures, Valga, Vila de Cruces, Cartelle, Ourense, Quintela de Leirado, Mondoñedo, Triacastela e Burela.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes