Carlos Casares nas Redes Sociais

Con motivo do Día das Letras Galega o Concello de Zas publicou un vídeo co cal quere homenaxear a Carlos Casares facendo un repaso pola súa biografía e pola súa ampla traxectoria profesional. Podes visualizalo premendo aquí.

Programación cultural de maio en Zas. Mes das letras

O concello de Zas ofrece un amplo programa de actividades culturais para este mes de maio, mes das Letras galegas, no que se homenaxea a Carlos Casares.

Concurso destinado ao alumnado dos centros de ensino do Concello.

6 maio: Auditorio de Zas. “Dez baixo cero” (+7anos). Martabelas de Teo.

13 maio: Auditorio de Baio. “O de menos é o nome” (T P). A. Teatral Mariñán de Betanzos

20 maio: Auditorio de Baio. “O medo meu” (+13).O Catre teatro de As Pontes.

*Todas as funcións ás 21h.

Martes, 9 de maio

  • Contos e música e visitas teatralizadas para escolares (pte. concretar horarios).
  • Mamá Cabra, “Contos que saen dos libros”. CEIP Labarta Pose de Baio. (12.30h.)

Xoves, 11 de maio

  • Música: O Viravai, “As andanzas de Paio”  CEIP Labarta Pose de Baio. (12.30h.)

Luns, 15 de maio

  • Música: Pakolas, “As Parábolas de Pakolas” . CPI de Zas. (12h.)

Martes, 16 de maio

  • Teatro: Cándido Pazó, “Memorias dun neno labrego” . CPI de Zas. (12h.)
  • Animación á lectura: Compañía do Trinke Trinke. “Contos para andar o camiño”. Biblioteca Municipal de Zas. (18h)

Xoves, 18 de maio

  • Música e contos: Migallas Teatro, “Canta Connosco”. CPI de Zas (12h.)

Venres, 19 de maio

  • Teatro: Isa Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei “Falar sen cancelas”. IES Maximino Romero Lema de Baio (13h)

Martes, 30 de maio

  • Animación á lectura: Compañía do Trinke Trinke. “Contos para andar o camiño”. Axencia de Lectura de Baio. (18h.)

Información

 

Carlos Casares protagonizará este mes de maio

O escritor Carlos Casares será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017.

Carlos Casares Mouriño nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941. Sendo un neno, a súa familia trasládase a Xinzo de Limia, onde o pai, Francisco Casares, traballará como mestre. A súa infancia desenvólvese nun ambiente entre aldeán e vilego, entre Xinzo e as aldeas de Beiro, Lamas e Sabucedo, que deixará unha fonda pegada na súa obra.

No ano 1952 ingresa no seminario de Ourense, onde descobre a súa faceta de escritor grazas ao profesor de literatura Agustín Madarnás, de quen o propio Carlos dirá que o marcou profundamente. Nesta etapa escribe un xornal semanal, El Averno, do que era o “director e único redactor”.

Cando abandona o seminario, segue os estudos de bacharelato por libre en Xinzo de Limia. En 1959 gaña un concurso de relatos breves e isto permítelle coñecer a Vicente Risco, membro do xurado, e participar nos seus faladoiros literarios dos cafés Parque, Miño ou Volter. Alí contactará con outros escritores e artistas como Arturo Lezcano, Ferro Couselo, Xaime Quessada ou Xaquín Lorenzo.

No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro.

En Compostela participa, como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo. Entre as actividades que organiza ADE cómpre salientar o concerto de Raimon na cidade, preludio do 68 compostelán e xerme do movemento Voces Ceibes, a expresión galega da canción protesta. Casares inflúe na galeguización do movemento universitario ao participar na tradución ao galego do folleto coas letras do cantautor catalán.
En 1967 publica a súa primeira obra, Vento ferido, un libro de relatos xuvenís con técnicas innovadoras e influxo do experimentalismo europeo e americano. Nestes relatos inzados de soidade e fatalismo aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.

Ao ano seguinte sae do prelo a súa primeira obra de relatos infantís, A galiña azul e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.

No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.

Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia. En 1981 preséntase como galeguista independente nas listaxes do PsdeG-PSOE ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña “Fálalle Galego”.

Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia, preside o PEN Club e no 2000 participa con outros 80 escritoras e escritores no Expreso da Literatura Europea que percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo.

Ademais, desde 1992 escribe a columna “Á marxe” para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.

Da súa prolífera obra cómpre salientar obras como Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980) e Os mortos daquel verán (1987). Deixounos tamén moitas publicacións destinadas ao público infantil. Á parte de A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, publicou Lolo anda en bicicleta, Un polbo xigante ou a serie Toribio.
Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Da súa faceta como tradutor, pódese destacar a tradución ao galego de obras como O Principiño de Saint-Exupéry ou O vello e o mar de Hemingway.

Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios entre os que destaca o Premio da Crítica Española (1976) por Xoguetes pra un tempo prohibido, os premios de xornalismo Fernández-Latorre (1983) e Julio Camba (1995) e o Premio da Crítica Española e de Galicia (1997) por Deus sentado nun sillón azul.

Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta versión definitiva de O sol de verán.

Carlos Casares, humanista e cosmopolita, non só se nos revela como unha figura indispensable do panorama cultural galego do século XX senón tamén como un dos principais renovadores da literatura galega contemporánea.

 

 

 

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes