PANXOLIÑAZAS

O xa tradicional concurso de vídeos e Nadal, PanxoliñaZAS, xa está en marcha.

BASES

  1. ORGANIZA

Concello de Zas a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.

 

  1. DIRIXIDO A

Todas aquelas persoas, que pertencendo ao Concello de Zas, queiran participar.

 

  1. OBXECTIVOS

 Desenvolvemento da creatividade, fomento do uso das Tic, traballo en equipo e bo aproveitamento do tempo de lecer.

Con esta actividade tamén se pretende recuperar panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis que se cantaban nesta zona e que aínda se continúa a facer, pero que corren o risco de desaparecer co paso do tempo.

Fomento do uso da lingua galega na sociedade en situacións informais e festivas ou lúdicas da veciñanza en xeral (ámbito asociativo do municipio, alumnado dos centros educativos,  hostaleiros/as, empresariado, comercio, turismo, veciños e veciñas etc.), no ámbito socioeconómico do concello, e no conxunto da sociedade en xeral.

 

  1. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Poderán participar todos aqueles veciños e veciñas de calquera idade que así o desexen de xeito individual ou en grupo sen haber límite de idade. Enviaranse os vídeos por correo electrónico indicando no asunto “concurso de panxoliñas”, sempre acompañadas dos datos de quen participa (nome e apelidos, DNI, idade, enderezo, e teléfono de contacto), a vanesa.otero@concellodezas.org

Os vídeos tamén poderán ser entregados no Servizo de Normalización Lingüística do concello nun lapis de memoria ou  a través da plataforma WeTransfer.

Terán que ser recibidos por calquera dos dous medios como moi tarde o 21 de decembro de 2017.

As panxoliñas, vilancicos, cantos de Aninovo, cantos de Reis deberán estar en lingua galega e poderán ser tradicionais, xa existentes, de  creación propia, traducións ao galego…

As persoa participantes ou que aparezan nos vídeos ceden a súa imaxe para publicacións relacionadas co concurso.

 

  1. PERÍODOS DE EXHIBICIÓN

O período de exhibición dos vídeos participantes será dende o día 22 ata as 10:00 h do día 29 de decembro, período no cal estarán publicados na páxina oficial do Facebook do Concello de Zas para a súa valoración polas e polos internautas que valorarán os vídeos outorgándolles os seus “gústame” e mais polo xurado. Tamén se exhibirán nas actividades de Nadal do Concello.

 

  1. DIVULGACIÓN

Este concurso será divulgado a través da web do Concello de Zas (www.concellodezas.org), nos espazos oficiais en Facebook do concello e enviarase nota aos medios de comunicación.

 

  1. VALORACIÓN

 Premio ao vídeo máis popular en Facebook

Seralle concedido ao vídeo que sume máis “gústame” na rede social Facebook do Concello de Zas.

Premio á mellor presentación e posta en escea

Premio que lle será concedido ao vídeo que conte cunha mellor posta en escea, máis do Nadal, máis orixinal etc.

Premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición galega

Seralle concedido ao vídeo que  conte con máis fidelidade léxica e musical á tradición galega.

Premio ao mellor vídeo infantil

Seralle concedido ao vídeo mellor valorado polo xurado e cuxos e cuxas participantes non teñan máis de 14 anos de idade.

 

  1. PREMIOS

Premio ao vídeo máis popular en Facebook

Diploma de recoñecemento

Vale de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

Premio á mellor presentación

Diploma de recoñecemento

Vale de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

Premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da nosa zona

Diploma de recoñecemento

Vale de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

Premio ao mellor vídeo infantil

Diploma de recoñecemento

Vale de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

 

  1. XURADO

A  organización resérvase o dereito a rexeitar os vídeos que non cumpran as condicións fixadas nas bases ou aqueles que polo seu contido sexan ofensivos, ou cuestionables por razóns éticas ou legais.

Os premios poderán ser acumulables.

O fallo do xurado será inapelable e publicarase antes do 6 de xaneiro. Estará integrado por 5 persoas designadas pola Alcaldía.

Calquera situación que non estea recollida nestas bases, resolverase segundo o que decida o xurado.

 

 

 

Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas

 

Día: 28 de outubro
Hora: 18:30 horas
Lugar: Centro Sociocultural de Baio
Organiza: Concello de Zas

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web dos Bolechas para seguir xogando e conseguir lotes dos seus libros.

Carlos Casares nas Redes Sociais

Con motivo do Día das Letras Galega o Concello de Zas publicou un vídeo co cal quere homenaxear a Carlos Casares facendo un repaso pola súa biografía e pola súa ampla traxectoria profesional. Podes visualizalo premendo aquí.

Programación cultural de maio en Zas. Mes das letras

O concello de Zas ofrece un amplo programa de actividades culturais para este mes de maio, mes das Letras galegas, no que se homenaxea a Carlos Casares.

Concurso destinado ao alumnado dos centros de ensino do Concello.

6 maio: Auditorio de Zas. “Dez baixo cero” (+7anos). Martabelas de Teo.

13 maio: Auditorio de Baio. “O de menos é o nome” (T P). A. Teatral Mariñán de Betanzos

20 maio: Auditorio de Baio. “O medo meu” (+13).O Catre teatro de As Pontes.

*Todas as funcións ás 21h.

Martes, 9 de maio

  • Contos e música e visitas teatralizadas para escolares (pte. concretar horarios).
  • Mamá Cabra, “Contos que saen dos libros”. CEIP Labarta Pose de Baio. (12.30h.)

Xoves, 11 de maio

  • Música: O Viravai, “As andanzas de Paio”  CEIP Labarta Pose de Baio. (12.30h.)

Luns, 15 de maio

  • Música: Pakolas, “As Parábolas de Pakolas” . CPI de Zas. (12h.)

Martes, 16 de maio

  • Teatro: Cándido Pazó, “Memorias dun neno labrego” . CPI de Zas. (12h.)
  • Animación á lectura: Compañía do Trinke Trinke. “Contos para andar o camiño”. Biblioteca Municipal de Zas. (18h)

Xoves, 18 de maio

  • Música e contos: Migallas Teatro, “Canta Connosco”. CPI de Zas (12h.)

Venres, 19 de maio

  • Teatro: Isa Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei “Falar sen cancelas”. IES Maximino Romero Lema de Baio (13h)

Martes, 30 de maio

  • Animación á lectura: Compañía do Trinke Trinke. “Contos para andar o camiño”. Axencia de Lectura de Baio. (18h.)

Información

 

Carlos Casares protagonizará este mes de maio

O escritor Carlos Casares será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017.

Carlos Casares Mouriño nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941. Sendo un neno, a súa familia trasládase a Xinzo de Limia, onde o pai, Francisco Casares, traballará como mestre. A súa infancia desenvólvese nun ambiente entre aldeán e vilego, entre Xinzo e as aldeas de Beiro, Lamas e Sabucedo, que deixará unha fonda pegada na súa obra.

No ano 1952 ingresa no seminario de Ourense, onde descobre a súa faceta de escritor grazas ao profesor de literatura Agustín Madarnás, de quen o propio Carlos dirá que o marcou profundamente. Nesta etapa escribe un xornal semanal, El Averno, do que era o “director e único redactor”.

Cando abandona o seminario, segue os estudos de bacharelato por libre en Xinzo de Limia. En 1959 gaña un concurso de relatos breves e isto permítelle coñecer a Vicente Risco, membro do xurado, e participar nos seus faladoiros literarios dos cafés Parque, Miño ou Volter. Alí contactará con outros escritores e artistas como Arturo Lezcano, Ferro Couselo, Xaime Quessada ou Xaquín Lorenzo.

No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro.

En Compostela participa, como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo. Entre as actividades que organiza ADE cómpre salientar o concerto de Raimon na cidade, preludio do 68 compostelán e xerme do movemento Voces Ceibes, a expresión galega da canción protesta. Casares inflúe na galeguización do movemento universitario ao participar na tradución ao galego do folleto coas letras do cantautor catalán.
En 1967 publica a súa primeira obra, Vento ferido, un libro de relatos xuvenís con técnicas innovadoras e influxo do experimentalismo europeo e americano. Nestes relatos inzados de soidade e fatalismo aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.

Ao ano seguinte sae do prelo a súa primeira obra de relatos infantís, A galiña azul e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.

No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.

Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia. En 1981 preséntase como galeguista independente nas listaxes do PsdeG-PSOE ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña “Fálalle Galego”.

Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia, preside o PEN Club e no 2000 participa con outros 80 escritoras e escritores no Expreso da Literatura Europea que percorre Europa desde Lisboa ata San Petersburgo.

Ademais, desde 1992 escribe a columna “Á marxe” para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.

Da súa prolífera obra cómpre salientar obras como Cambio en tres (1969), Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980) e Os mortos daquel verán (1987). Deixounos tamén moitas publicacións destinadas ao público infantil. Á parte de A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, publicou Lolo anda en bicicleta, Un polbo xigante ou a serie Toribio.
Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Da súa faceta como tradutor, pódese destacar a tradución ao galego de obras como O Principiño de Saint-Exupéry ou O vello e o mar de Hemingway.

Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios entre os que destaca o Premio da Crítica Española (1976) por Xoguetes pra un tempo prohibido, os premios de xornalismo Fernández-Latorre (1983) e Julio Camba (1995) e o Premio da Crítica Española e de Galicia (1997) por Deus sentado nun sillón azul.

Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta versión definitiva de O sol de verán.

Carlos Casares, humanista e cosmopolita, non só se nos revela como unha figura indispensable do panorama cultural galego do século XX senón tamén como un dos principais renovadores da literatura galega contemporánea.

 

 

 

LGx15: Ideas para o futuro da lingua

Volve un ano máis o LGx15: Ideas para o futuro da lingua. Será o xoves 24 de novembro ás 18:00 h na Sala Capitol de Santiago.

Este evento, organizado pola CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua), consiste en charlas breves de quince minutos que pretenden transmitir propostas e ideas sobre o uso do galego e influír nas actitudes e comportamentos lingüísticos. Intervirán diferentes persoas e haberá tamén música e humor.

Pódense adquirir as entradas nesta ligazón: https://goo.gl/H4hUUT

lgx15-1

Entre os e as participantes desta edición, poderemos encontrar unha zoqueira e un labrego, blogueiros/as e poetas, así como xornalistas e comunicadores, ou regueifeiros e músicos poñendo a nota festiva ao acto.

lgx15

Máis información: http://lgx15.gal

 

 

Concurso de panxoliñas. PanxoliñaZas 2016

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas convoca un ano máis o concurso PanxoliñaZAS. É un concurso de vídeos de cantos propios da época do Nadal (panxoliñas, vilancicos, de Aninovo, Reis etc.) co que se pretende recuperar este tipo de cantigas tradicionais e fomentar o uso da lingua galega en situacións lúdico-festivas e nas Tic.

Poderán participar todos aqueles veciños e veciñas de calquera idade que así o desexen de xeito individual ou en grupo.

O prazo de presentación dos vídeos acaba o día 16 de decembro e logo poderase votar vía Facebook polos que máis nos gusten dándolles un “Gústame”.

 

nadal-leandro-lamas2Haberá un premio ao vídeo máis popular en Facebook e outros do xurado (premio á mellor presentación, premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da nosa zona e premio ao mellor vídeo infantil), que consistirán nun diploma e mais en vales de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

O cartel e as bases pódense consultar na seguinte ligazón: http://http://www.concellodezas.org/portal-cidadan/noticia/gl/438

Para máis información: Servizo de Normalización Lingüística de Zas (981 708 303) ou no correo xema.sanjurjo@concellodezas.org.

Velaí vén a festa da diversidade cultural e lingüística da Europa atlántica

Cartaz_TOSTA jpg 2-1

 

Na vindeira fin de semana do 9, 10 e 11 de setembro, celébrase en Rianxo o Festival Tosta. Logo do seu paso por Irlanda, Cornualles, Frisia, Gales e Escocia, chega a Galicia cunha ampla proposta cultural promocionada no noso territorio pola Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña.

Artistas como Xurxo Souto, De Vacas, Quico Cadaval, Guadi Galego ou os vascos Oreka TX, entre outros, así como diferentes obradoiros e outras actividades, formarán parte deste proxecto que quere facer visible tanto as  linguas minorizadas  como a diversidade lingüística existente na Europa atlántica.

Páxina do festival: http://tosta2016.eu/

Fonte: http://http://www.amesa.gal/noticias/noticias-da-mesa/o-festival-tosta-recala-en-rianxo-despois-de-itinerar-por-varias-nacions-atlanticas

Cursos Celga e de linguaxe administrativa galega nas Escolas Oficiais de Idiomas e en liña

No Diario Oficial de Galicia do 19 de agosto de 2016 aparece publicada a oferta de cursos gratuítos de linguaxe administrativa galega (nivel medio e superior) e cursos preparatorios para as probas de obtención dos certificados en lingua galega (Celga) que convoca a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Orde do 4 de agosto de 2016 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Persoas destinatarias:

Os cursos de linguaxe administrativa van dirixidos ao persoal das Administracións públicas galegas, agás os e as docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.

Tamén se poderán anotar as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as, sempre e cando queden prazas vacantes.

Os Celga poderán solicitalos as persoas maiores de dezaseis anos, ou que os fagan antes de finais deste ano.

Solicitudes e prazos de matrícula:

Lugar de inscrición:

As solicitudes presentaranse na secretaría da Escola Oficial de Idiomas onde se imparta o curso, sen prexuízo da súa presentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

O prazo de presentación vai desde o 20 de agosto ata o 9 de setembro de 2016 para os cursos da quenda de outubro/xaneiro e desde o 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017 para os da quenda de febreiro/maio.

Para calquera dúbida coa convocatoria ou coa inscrición, podedes dirixirvos ao Servizo de Normalización Lingüística na Casa do Concello ou no teléfono 981 708 303.

Probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga)

No Diario Oficial de Galicia do 18 de agosto de 2016 aparece publicada a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga) da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Resolución do 11 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados en lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016.

Imaxe CelgaPersoas destinatarias:

As persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan antes de finais deste ano.

Lugares e datas das probas:

Os exames realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada nas seguintes datas:

Celga 4: 5 de novembro de 2016

Celga 3: 6 de novembro de 2016

Celga 2: 12 de novembro de 2016

Celga 1: 13 de novembro de 2016

Solicitudes e prazo de inscrición:

A solicitude deberase formalizar segundo o modelo do anexo I desta convocatoria ou nos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es e na web https://www.lingua.gal e aboar as taxas de exame (15,61 euros). Poderase presentar por vía electrónica ou en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo remata o 19 de setembro de 2016.

Para calquera dúbida coa convocatoria ou coa inscrición, podedes dirixirvos ao Servizo de Normalización Lingüística na Casa do Concello ou no teléfono 981 708 303.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes