Linguazas 1.1

A través do enderezo electrónico http://www.concellodezas.org/linguazas pódese acceder a Linguazas, unha completa web na que se recollen recursos lingüísticos para galeguizar a vida cotiá.

Linguazas naceu como unha ferramenta de uso interno, creada polo SNL do Concello de Zas para dotar de recursos e modelos lingüísticos ao cadro de persoal do Concello. Agora, agás algunhas seccións, está accesíbel para o público en xeral.

En Linguazas podemos atopar varias seccións:

Páxina principal: Aquí pódense atopar as últimas novas publicadas no blog do SNL e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ortografía e gramática: nesta sección pódese atopar unha selección de gramáticas de lingua galega e un resumo das cuestións lingüísticas que máis dubidas xeran.

Dicionarios e vocabularios: nesta sección atopanse accesos directos aos dicionarios on-line máis útiles: o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGA), o Dicionario Cumio de lingua galega e o dicionario E-Estravíz, este último coas definicións en normativa reintegrada pero que permite realizar buscas na norma ILG-RAG. Tamén podemos acceder a vocabularios técnicos ordenados por materias.

Recursos: dende aquí accédese a outras páxinas web de recursos lingüísticos, a distintas ferramentas para galeguizar a nosa computadora, a ferramentas para utilizar unha linguaxe non sexista, a distinta lexislación acerca da lingua galega, a lexislación xeral en galego, a distintos recursos para consultar a toponimia oficial en lingua galega e a unha selección de tradutores on-line.

Ligazóns: dende aquí accederemos as webs do Concello de Zas, de institucións e organismos oficiais, de boletíns oficiais, de institucións e organismos relacionados coa lingua galega, de organizacións e plataformas en defensa da lingua e de institucións relacionadas co tecido asociativo.

Administración: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal xa que o seu contido está destinado ao uso no ámbito interno do Concello de Zas. Aquí poderemos atopar modelos dos documentos máis habituais ordenados por departamentos, unha recompilación dos criterios lingüísticos recomendados para a redacción en lingua galega, un manual de documentación administrativa, vocabularios específicos relacionados co ámbito xurídico-administrativo e unha compilación da lexislación, tanto local, como autonómica ou estatal, máis utilizada no ámbito local.

Tecido asociativo: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal. Aquí poderemos atopar información xeral referente ao ámbito asociativo, modelos dos documentos máis utilizados polas asociacións e formularios que habitualmente teñen que utilizar as asociacións para comunicarse coas administracións.

Esta última sección contribúe a cumprir co convenio para o fomento da lingua galega que asinaron o Concello de Zas e a maioría do tecido asociativo do municipio. Mediante este convenio o Concello comprometíase a asesorar en materia lingüística e en fornecer a asociación dos recursos necesarios para esta utilizara a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios das actividades, etc.

As asociacións que asinaron o dito convenio recibiron un contrasinal para acceder a esta área.

O Concello de Zas fomenta o uso do galego no tecido asociativo

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) asinou uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.

As asociacións asinantes comprométense a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.

O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer as entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.

De momento asinaron o dito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación “Equus” amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais “Saaz”, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio.

Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo.

Web da CTNL

Quepasanacosta.com

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes