Linguazas 1.1

A través do enderezo electrónico http://www.concellodezas.org/linguazas pódese acceder a Linguazas, unha completa web na que se recollen recursos lingüísticos para galeguizar a vida cotiá.

Linguazas naceu como unha ferramenta de uso interno, creada polo SNL do Concello de Zas para dotar de recursos e modelos lingüísticos ao cadro de persoal do Concello. Agora, agás algunhas seccións, está accesíbel para o público en xeral.

En Linguazas podemos atopar varias seccións:

Páxina principal: Aquí pódense atopar as últimas novas publicadas no blog do SNL e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ortografía e gramática: nesta sección pódese atopar unha selección de gramáticas de lingua galega e un resumo das cuestións lingüísticas que máis dubidas xeran.

Dicionarios e vocabularios: nesta sección atopanse accesos directos aos dicionarios on-line máis útiles: o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGA), o Dicionario Cumio de lingua galega e o dicionario E-Estravíz, este último coas definicións en normativa reintegrada pero que permite realizar buscas na norma ILG-RAG. Tamén podemos acceder a vocabularios técnicos ordenados por materias.

Recursos: dende aquí accédese a outras páxinas web de recursos lingüísticos, a distintas ferramentas para galeguizar a nosa computadora, a ferramentas para utilizar unha linguaxe non sexista, a distinta lexislación acerca da lingua galega, a lexislación xeral en galego, a distintos recursos para consultar a toponimia oficial en lingua galega e a unha selección de tradutores on-line.

Ligazóns: dende aquí accederemos as webs do Concello de Zas, de institucións e organismos oficiais, de boletíns oficiais, de institucións e organismos relacionados coa lingua galega, de organizacións e plataformas en defensa da lingua e de institucións relacionadas co tecido asociativo.

Administración: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal xa que o seu contido está destinado ao uso no ámbito interno do Concello de Zas. Aquí poderemos atopar modelos dos documentos máis habituais ordenados por departamentos, unha recompilación dos criterios lingüísticos recomendados para a redacción en lingua galega, un manual de documentación administrativa, vocabularios específicos relacionados co ámbito xurídico-administrativo e unha compilación da lexislación, tanto local, como autonómica ou estatal, máis utilizada no ámbito local.

Tecido asociativo: a esta sección só é posíbel acceder utilizando un usuario e un contrasinal. Aquí poderemos atopar información xeral referente ao ámbito asociativo, modelos dos documentos máis utilizados polas asociacións e formularios que habitualmente teñen que utilizar as asociacións para comunicarse coas administracións.

Esta última sección contribúe a cumprir co convenio para o fomento da lingua galega que asinaron o Concello de Zas e a maioría do tecido asociativo do municipio. Mediante este convenio o Concello comprometíase a asesorar en materia lingüística e en fornecer a asociación dos recursos necesarios para esta utilizara a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios das actividades, etc.

As asociacións que asinaron o dito convenio recibiron un contrasinal para acceder a esta área.

Presentación das experiencias de colaboración en materia lingüística co tecido asociativo do Concello de Zas

Onte participamos no IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña para explicar as experiencias de colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística e o tecido asociativo do Concello.
Esta foi a presentación que utilizamos.

O Concello de Zas fomenta o uso do galego no tecido asociativo

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) asinou uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.

As asociacións asinantes comprométense a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.

O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer as entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.

De momento asinaron o dito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación “Equus” amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais “Saaz”, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio.

Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo.

Web da CTNL

Quepasanacosta.com

IV Encontro de Política Lingüística para as Administracións Locais da Coruña

Alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística dos concellos da provincia da Coruña, reuniranse o mércores 20 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo para participar no IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais, unha xuntanza promovida pola Deputación da Coruña e organizada pola CTNL.

O Encontro foi presentado no propio Pazo da Cultura carballés polo deputado responsábel da Área de Normalización na Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, e polo presidente da CTNL, Nel Vidal, que salientou que “un dato que chama poderosamente a atención é que máis do 75% dos servizos de normalización lingüística (SNL) que existen en concellos do país están na provincia da Coruña”, o que, segundo o voceiro da CTNL, “non é casualidade, pois é o froito da colaboración que ofrece a Área de Normalización Lingüística da Deputación”. Dentro dese traballo está tamén este Encontro, co que se procura a posta en contacto entre os distintos concellos, a coordinación e o deseño de liñas de acción conxunta.

Pola súa banda, o deputado Xoán Sande destacou que este encontro “está dando os seus froitos”, e que ano tras ano saen del “propostas positivas para a lingua”. Salientou tamén a importancia de que a partir deste ano a xuntanza terá lugar nunha comarca diferente do país, para así “implicar máis a todos os concellos no proceso de normalización social da lingua galega” xa que, segundo Sande, “as administracións locais xogan un papel fundamental para o galego pola súa proximidade coa cidadanía” e destacou que “co apoio da Deputación da Coruña, creáronse medio centenar de servizos de normalización lingüística” en 50 dos 94 concellos da provincia, polo que agora “cómpre intensificar e fortalecer o seu traballo e a súa visibilidade social”.

Nesta cuarta edición do encontro colaboran coa Deputación e coa CTNL os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Zas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Un programa con debate político, propostas de colaboración e mesas de traballo para planificar accións de promoción lingüística

O IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o mércores 20 de outubro, será inaugurado ás 10.00 horas polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o deputado responsábel da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande e o presidente da CTNL, Nel Vidal Barral.

A partir das 10.30 h os alcaldes de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Zas, o popular José Luís Fondo Aguiar, o socialista José Ramón Varela Rey e o nacionalista Manuel Muíño Espasandín, debaterán sobre a normalización lingüística no ámbito comarcal. Este debate estará conducido e moderado pola xornalista Comba Campoy.

A continuación, ás 12.30 h, e logo dunha pausa, técnicos/as de normalización lingüística dos concellos de Bergantiños e Soneira presentarán unha proposta de acción conxunta entre os SNL destas comarcas.

Para rematar a mañá, ás 13.15 h, desenvolverase unha mesa de traballo sobre a procura da implicación no proceso de normalización lingüística de empresas e asociacións desde os concellos. Nesta participarán Pepe Blanco Alborés, que falará sobre a experiencia de implicación de asociacións no Concello de Zas; Luís Bará Torres, que falará sobre a xestación da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Concello de Pontevedra; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que falará sobre “Abertos ao galego”, un proxecto de promoción de empresas que traballan en galego.

Xa pola tarde, ás 16.30 h, terá lugar un encontro sobre o papel das administracións locais no ámbito do ensino e as posibilidades de colaboración e intervención. Este encontro estará guiado polas profesoras Ana Martínez Fernández, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, e Mercedes Queixas, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, ambas pertencentes á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A xornada rematará cun resumo e conclusións ben especiais e retranqueiras, feitas a modo de disputa regueifeira humorística por Luís O’Caruncho e Bieito Lobariñas.

Neste encontro poden participar alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as, técnicos/as de normalización lingüística, representantes de entidades implicadas no proceso de normalización da lingua (institucións, asociacións, empresas…), etc. Para facelo, é necesario confirmar asistencia até o 13 de outubro nos teléfonos 981 080 358 ou 981 080 300 ext. 4630 ou 4631; ou no enderezo electrónico: normalizacion.linguistica@dicoruna.es.

Programa completo en PDF

Nova na web da CTNL

Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes