Presentación de “En castellano no hay problema” de Carlos Callón e conferencia sobre Enrique Labarta Pose

Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón

O autor asinado exemplares

Conferencia de Xosé M. Varela sobre Enrique Labarta Pose

Decálogo para mellorar a fluidez en galego

Carlos Callón no seu blog ofrece o seguinte decálogo para mellorar a fluidez en galego:

1) Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular. Cantas veces non escoitaremos iso de “yo no hablo gallego porque no lo hablo bien”? Imaxinemos que ese mesmo razoamento se aplicase a calquera outro idioma do mundo. Só falaremos inglés cando o saibamos falar ben? Entón, como vai ser posíbel aprendelo?

2) Terás sempre presente que ninguén naceu aprendido e que para solventar as dúbidas están os manuais e os dicionarios. Hai quen, tras botarlle un ollo a un libro escrito en galego, considera: “Non hai quen o entenda. Eu nunca escoitei esas palabras. Isto é un idioma inventado”. No fondo, o que se expresa é un prexuízo aprendido, que poderiamos traducir deste xeito, mesmo que a persoa que o diga non sexa consciente diso: “O galego é un idioma que non vale para estas cousas, pois só serve para comunicarse na casa ou entre amigos”. Poñámoslle, como contraste, a esa mesma persoa, o coñecidísimo comezo do Quixote: “En un lugar de La Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor. Una olla de algo más vaca que carnero, salpicón las más noches, duelos y quebrantos los sábados, lantejas los viernes (…)” Podería explicarnos o que aí pon sen acudir a un dicionario ou a unha edición anotada da obra de Cervantes? Para todos os idiomas, os dicionarios son boas compañías. Para o galego, tamén.

3) Acordaraste de que aprender e coñecer unha lingua é tarefa de toda unha vida. Os manuais de “Aprenda inglés / xaponés/ alemán /… en 30 días” non funcionan nunca alén de como primeiro contacto cun idioma. Ninguén pode agardar “saber toda unha lingua”. Mesmo os grandes especialistas están sempre a aprender. Co galego, tamén acontece o mesmiño.

4) Practicarás e aprenderás coa suor da túa fronte. Vivimos nunha sociedade que reduce a importancia do sacrificio e do esforzo, mais estes seguen a ser necesarios para a adquisición de habilidades ou coñecementos de calquera tipo, tamén dos lingüísticos. Por exemplo, non hai fórmulas máxicas para aprender a usar o infinitivo persoal ou a colocación do pronome átono en cinco minutos. Hai que estudar e practicar, co galego igual que co resto dos idiomas coñecidos.

5) Soltaraste a falar en galego e tentarás facelo con corrección cando menos nalgúns ámbitos ou espazos do teu día a día. Perdoade que a advertencia poida resultar estúpida por ser tan evidente, mais é que se non se practica o galego, non se pode aprender. Do mesmo xeito, hai persoas que coñecen cales son as formas correctas en galego (por exemplo, para designar os días da semana, os meses do ano, os nomes das froitas…) e que non as utilizan porque se senten “estrañas”, polo que usan un galego cheo de incorreccións, barbarismos e deturpacións. Aquí o problema non é de aprendizaxe, senón de saltar a barreira psicolóxica que fai sentir incomodidade por falar un galego máis coidado. Saltémola!

6) Igual que na vida, aprenderás dos teus erros. Aínda que, igual que na vida, teñas que cometer eses erros varias veces para corrixilos. As equivocacións, as “patadas” á lingua, non deben servir nunca como escusa para deixar atrás todo o aprendido. Ben ao contrario, teñen que servir como aliciente no proceso de aprendizaxe.

7) Desterrarás os castelanismo innecesarios, porque o galego ten os seus propios recursos. Sabemos que é vasoira e non *escoba, que é lixo e non *basura, que é almorzar e non *desayunar, así que non temos escusa para deixar de usar as nosas formas propias. Polo contrario, mantendo estes españolismos contribuímos á perda destas palabras e a que o galego se converta de xeito progresivo nunha forma dialectalizada do español, perdendo a súa personalidade.

8 ) Nunca comezarás unha oración cun pronome átono. Como se comentaba nun dos mandamentos anteriores, é necesario estudar e practicar, pois non hai ningunha pedra filosofal para aprender, por exemplo, a colocación dos pronomes átonos. Mais é tal a epidemia que existe en moita xente de dicir cousas do estilo *O fixen onte, *Volo dixen antes… que fai necesario gravar esta idea como unha norma fundamental.

9) Para aprenderes a usar o infinitivo persoal, nada mellor que lle dares uso. (E para aprender eu ou ela, aprendermos nós, aprenderdes vós e aprenderen eles, que falta fai!) O infinitivo persoal ou infinitivo conxugado é un dos trazos definitorios do noso sistema lingüístico. Está vivo na inmensa maioría dos falantes espontáneos, aínda que, por mímese coas estruturas do español, tende a eliminarse nos rexistros máis formais. Sexamos conscientes e avivémolo!

10) Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico ao que pertence: o galego-portugués ( posíbel, Galiza, até…). A existencia do portugués como idioma normalizado foi e é un fecundo recurso para que o galego non perda a súa personalidade pola influencia omnímoda do español. Que a lusofobia tan presente no noso país (e que non deixa de ser outra cara da galegofobia) non nos confunda: o portugués é unha fonte limpa da que bebermos.

Carlos callón estará hoxe as 18:30 en Zas, dentro dos actos da III Semana Cultural, presentando o seu libro En castellano no hay problema.

“En castellano no hay problema” de Carlos Callón na III Semana Cultural do Concello de Zas

O vindeiro xoves 5 de agosto, no marco da III  Semana Cultural do Concello de Zas terá lugar a presentación do libro En castellano no hay problema de Carlós Callón.

Carlos Callón é, dende o ano 2002, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística.

Neste libro, o autor, ademais de rebater con argumentos algúns dos prexuízos e tópicos máis asentados contra a lingua galega, analiza a situación do idioma, repasa reivindicacións, presenta alternativas, convida ao protagonismo individual para transformar a sociedade e alerta das medidas que deberían adoptar os poderes públicos.

Actividades da III Semana Cultural do Concello de Zas

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes