O Concello de Zas fomenta o uso do galego no tecido asociativo

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) asinou uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.

As asociacións asinantes comprométense a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.

O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer as entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.

De momento asinaron o dito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación “Equus” amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais “Saaz”, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio.

Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo.

Web da CTNL

Quepasanacosta.com

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes