Exposición “Crónicas da represión lingüística” en Zas

Crónicas da represión lingüísticaDo 13 ao 30 de novembro poderá visitarse no Centro Social de Zas a exposición “Crónicas da represión lingüística”.

Esta obra expositiva pretende recuperar as vivencias das persoas que viviron os tráxicos sucesos do levantamento fascista e reflexionar sobre as consecuencias que tiveron para elas e o conxunto da nosa sociedade a represión implementada no noso país, onde a nosa lingua foi, tamén, un obxectivo dese accionar represivo.

A construción narrativa do traballo expositivo, tanto no aspecto textual, gráfico e audiovisual, está baseado en pequenos relatos de historias de vida de persoas que padeceron ao longo destes dilatados anos da ditadura, a represión lingüística, psicolóxica, social e incluso económica, derivada desta perversa e obsesiva práctica represiva.

A participación de investigadores e estudosos engade o rigor científico necesario para afondar noutros aspectos desta represión lingüística que proxecta a súa longa sombra até os nosos días.

Crónicas da Represión Lingüística fundamenta a sistematoloxía represiva desatada contra a lingua e a sociedade galega e como esta acción repercute na vida íntima e social das persoas sometidas ao silencio, á humillación, á frustración, en síntese, á falla de autoestima individual e colectiva do noso pobo.

O proxecto está construído a través das opinións de estudosos do tema lingüístico e das experiencias de persoas que sufriron este tipo perverso de represión psicolóxica, entre as que podemos salientar: Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Manuel Fernández Cid, Francisco Fernández del Riego, Agustín Fernández Paz, Raimundo García Domínguez, Xaime lsla Couto, Avelino Pousa Antelo, Elixio Rodríguez Domínguez, Bernardo Souto e Elvira Varela Bao entre moitos outros.

A mostra está presente en Zas a través da colaboración da Deputación da Coruña.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes