O Consello da Cultura apoia a lingua galega cunha declaración institucional

O Consello da Cultura Galega entregou no Parlamento galego e fixo pública unha proposta institucional aprobada no seu Plenario na que critica a “groseira falsificación da realidade” que supón a asociación entre promoción do galego e imposición lingüística, na que di que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e na que lle propón ao Parlamento a creación dunha comisión para que “elabore unha proposta de desenvolvemento consensuada do PXNLG

O documento foille entregado por parte do presidente do Consello da Cultura Galega á presidenta do Parlamento, foille remitido a todos os grupos parlamentarios e foi tamén presentado publicamente.

Nel solicítaselle ao Parlamento a constitución dunha comisión parlamentaria na que “oídas as institucións, colectivos e expertos […] elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG)”.

Mais, antes desta solicitude, a declaración aprobada foi un memorando no que se critica duramente, por exemplo, “a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra”, asociación que se cualifica de “groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país”.

Ademais, lémbraselle á Xunta que lle “corresponde exercer o liderado do proceso de recuperación e dignificación do idioma galego” e que a política lingüística debe apoiarse no “respecto ao conxunto da nosa lexislación lingüística”. Tamén se sinala que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia”.

Descargar a declaración en PDF

Fonte: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes