A Mesa gaña o II Premio Rosalía de Castro de lingua

Membros do xurado do II Premio Rosalía de Castro de lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística é a entidade gañadora da II edición do premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña.

A concesión do galardón foi feita pública esta mañá durante unha rolda de prensa que contou coa asistencia do deputado responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, Xoán Manuel Sande Muñiz e dos membros do xurado, presidido por Salvador Fernández Moreda, e integrado por Manuel Rico Verea, da secretaría xeral de Política Lingüística; Xosé Manuel Sánchez Rei, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; Manuel Núñez Singala, da Universidade de Santiago; Marcos Mosquera, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Pilar García Negro, da Universidade da Coruña.

Segundo explicou Sande Muñiz, trátase dun premio de carácter honorífico, pois non conta con dotación económica, e recaeu na Mesa pola Normalización Lingüística “pola súa traxectoria de 25 anos a prol da normalización da lingua galega en moitos ámbitos sociais e públicos e como impulsora continuada da legalidade derivada da Lei 2/19983 de normalización lingüística de doutras leis autonómicas e do Estado”.

Carlos Callón, Presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística

O deputado provincial anunciou que o acto formal de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 7 de maio, durante a IV edición da Festa da Lingua que este ano se celebra en Carballo, e que contará coas actuacións de Marful e Berrobambán.

Pola súa banda, o voceiro do xurado, Manuel Núñez Singala, destacou a “dilatada traxectoria” da Mesa, “que é a maior entidade galega por número de socios” e que nos seus 25 anos de traxectoria “apenas foi premiada en Galicia, aínda que recibiu múltiples recoñecementos no exterior”.

A Mesa pola Normalización Lingüística impúxose a outras sete candidaturas, “todas elas merecedoras do premio”, segundo manifestou o voceiro do xurado.

Parabéns.

A Mesa pola Normalización Lingüística

IV Festa da Lingua

IV Festa da Lingua

Un ano máis a Deputación da Coruña organiza a Festa da Lingua.

Este ano colaboran na organización os SNL dos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas.

A festa será o día 7 de maio as 21:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo.

O acto estará presentado por Yolanda Castaño e nel actuarán Berrobambám e Marful.

Leranse dous manifestos redactados por Xurxo Borrazás e por Yolanda Castaño e entregaranse os premios Rosalía de Castro de lingua galega, convocado pola Deputación da Coruña,  e de artigos xornalísticos normalizadores,  convocado polo Concello de Carballo.

As entradas serán de balde pero é preciso reservalas no teléfono 981 704 304 entre o 2 e o 6 maio.

Información en Quepasanacosta.com

Información na web do Concello de Carballo

Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra

A Deputación da Coruña, desde o seu departamento de Servizos Sociais, editou un  caderno de orientación para un uso non sexista da linguaxe administrativa galega o Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra.

Este documento, pretende ser unha ferramenta básica, clara e concisa dirixido ao persoal da Deputación da Coruña e ao persoal dos concellos. Conten  suxestións, recomendacións e orientacións de como podemos mellorar a nosa comunicación oral e escrita no noso traballo profesional na administración pública e por ende na nosa vida persoal, familiar e social e sensibilizar sobre os cambios que está a percibir a sociedade actual.

Caderno de orientación sobre linguaxe administrativa neutra

Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua 2011

Deputación da Coruña publicou no BOP número 44 do 4 de marzo a convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua.

Obxectivos

Darlle continuidade á convocatoria do Premio “Rosalía de Castro” iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.

Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Destinatarios/as

Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.

Méritos que se valoran

Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:

– tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego

– actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega

– uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos

– campañas de información e/ou publicitarias en galego

– contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural

O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.

Premio

O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso.

O Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.

Prazo

O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es

O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.

Xurado

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:

– Secretaría Xeral de Política Lingüística,

– movemento asociativo da provincia da Coruña,

– Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,

– Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,

– medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

– Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.

Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado poderá declarar deserto o premio.

A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación.

O xurado queda facultado para interpretar estas bases.

Entrega do premio

A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.

Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua

Resolución do I Premio “Rosalía de Castro” de lingua

Agasallo.eu

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, xunto coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) editaron Agasallo (www.agasallo.eu), unha guía que inclúe unha selección de novas creacións e produtos, de libros, discos, aparellos electrónicos, fragrancias, camisolas, cinema, xogos, etc. E, aínda que necesariamente só poden estar algúns dos que son, son todos os que están. Porque todas as ideas que inclúe este catálogo teñen unha cousa en común: a lingua galega.

A personaxe mítica do Nadal galego que lle trae agasallos aos nenos e ás nenas na noite de fin de ano, o Apalpador, fala galego e dispón de todos os agasallos que aparecen nesta guía. Ao Papá Noel e mais aos Reis Magos, que falan todas as linguas do mundo, failles tamén moita ilusión que en cada lugar se fale e apoie a lingua propia e que, polo tanto, apoiemos os produtos e creacións en galego.

Por estas razóns, desde a Deputación da Coruña, desde a CTNL e desde todos os servizos de normalización lingüística (SNL) da provincia da Coruña se quere contribuír a visibilizar a lingua galega e a recomendar os agasallos que a usan, que son moitos, e dos que na guía figuran algúns.

Así, quérese contribuír a difundir socialmente os produtos de agasallo en galego de todo tipo e para todas as idades; a promocionar os produtos culturais e, polo tanto e ao mesmo tempo, a promocionar a nosa música, a literatura, o cinema, etc. Deste xeito procúranse aproveitar as festas do Nadal para promocionar a lingua galega para contribuír a que estea presente na vida social cotiá e no lecer.

Do catálogo Agasallo editáronse 45.000 exemplares, que foron enviados a todos os concellos da provincia e que serán distribuídos principalmente a través dos 46 servizos de normalización lingüística (SNL) que existen nos diversos concellos da Coruña. Tamén está dispoñíbel a través do enderezo web www.agasallo.eu.

No concello de Zas distribuiranse 500 exemplares nos centros de ensino de primaria, secundaria e bacharelato.

www.agasallo.eu

Cursos de formación do Plan de formación 2010 da Deputación da Coruña-

Entre os cursos do Plan de formación agrupado 2010, promovido pola Deputación da Coruña, que comezarán a partir do mes de setembro ofértanse algúns que poden resultarnos interesantes:
CURSO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA (NIVEL SUPERIOR). Edición en Ribeira
CURSO DE TÉCNICAS DE EXPRESIÓN ESCRITA. Edicións en Narón, na Coruña e na Pobra do Caramiñal
O prazo para anotarse remata o día 16 de xuño
Páxina web de formación da Deputación da Coruña
Impreso de solicitude para o persoal dos concellos, consorcios e mancomunidades


Resolución do Premio Rosalía de Castro de Lingua 2010

O Premio Rosalía de Castro de lingua 2010 recaeu en Blogaliza.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Parabéns

A entrega será o 28 de maio en Ames

Vía Tati Mancebo

Blogaliza

Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña

Máis novas relacionadas neste blog

Exposición “Crónicas da represión lingüística” en Zas

Crónicas da represión lingüísticaDo 13 ao 30 de novembro poderá visitarse no Centro Social de Zas a exposición “Crónicas da represión lingüística”.

Esta obra expositiva pretende recuperar as vivencias das persoas que viviron os tráxicos sucesos do levantamento fascista e reflexionar sobre as consecuencias que tiveron para elas e o conxunto da nosa sociedade a represión implementada no noso país, onde a nosa lingua foi, tamén, un obxectivo dese accionar represivo.

A construción narrativa do traballo expositivo, tanto no aspecto textual, gráfico e audiovisual, está baseado en pequenos relatos de historias de vida de persoas que padeceron ao longo destes dilatados anos da ditadura, a represión lingüística, psicolóxica, social e incluso económica, derivada desta perversa e obsesiva práctica represiva.

A participación de investigadores e estudosos engade o rigor científico necesario para afondar noutros aspectos desta represión lingüística que proxecta a súa longa sombra até os nosos días.

Crónicas da Represión Lingüística fundamenta a sistematoloxía represiva desatada contra a lingua e a sociedade galega e como esta acción repercute na vida íntima e social das persoas sometidas ao silencio, á humillación, á frustración, en síntese, á falla de autoestima individual e colectiva do noso pobo.

O proxecto está construído a través das opinións de estudosos do tema lingüístico e das experiencias de persoas que sufriron este tipo perverso de represión psicolóxica, entre as que podemos salientar: Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Manuel Fernández Cid, Francisco Fernández del Riego, Agustín Fernández Paz, Raimundo García Domínguez, Xaime lsla Couto, Avelino Pousa Antelo, Elixio Rodríguez Domínguez, Bernardo Souto e Elvira Varela Bao entre moitos outros.

A mostra está presente en Zas a través da colaboración da Deputación da Coruña.

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes