Presentación das experiencias de colaboración en materia lingüística co tecido asociativo do Concello de Zas

Onte participamos no IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña para explicar as experiencias de colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística e o tecido asociativo do Concello.
Esta foi a presentación que utilizamos.

O Concello de Zas fomenta o uso do galego no tecido asociativo

O Concello de Zas, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) asinou uns convenios con distintas asociacións culturais e deportivas do municipio co fin de normalizar o uso da lingua galega no tecido asociativo.

As asociacións asinantes comprométense a utilizar a lingua galega nas súas actividades cotiáns, nas actas, convocatorias, ordes do día e demais documentación interna, nas programacións, anuncios de actividades, etc., e a difundir entre os seus asociados e asociadas as actividades relacionadas coa lingua galega que organice o Concello de Zas.

O Concello de Zas, pola súa banda, comprométese a asesorar en materia lingüística a asociación, a elaborar un estudo sobre as súas necesidades lingüísticas e a fornecer as entidades dos materiais necesarios para que desenvolvan as súas actividades en lingua galega.

De momento asinaron o dito convenio a ANPA e amigos do colexio público de Baio, a asociación “Equus” amigos do cabalo, a asociación veciñal A Fonte de Fornelos, a asociación de mulleres rurais “Saaz”, a asociación cultural-teatral Badius, a asociación de pesca deportiva Río-Mar, a ANPA da Galescola de Zas, a asociación deportiva Su a agra, a asociación de baile tradicional Churía, a AMC Xan Mella, a asociación cultural Castro Meda e o Sporting Zas, que contan, en conxunto, con máis de 2.000 socios e socias e estano estudando as directivas doutras asociacións do municipio.

Esta experiencia será presentada o vindeiro mércores 20 de outubro no marco do IV Encontro de política lingüística para as administracións locais da Coruña que se desenvolverá en Carballo.

Web da CTNL

Quepasanacosta.com

Concurso de video creación con motivo da celebración do Samaín 2010

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas en colaboración cos EDL do IES Maximino Romero Lema e do CPI de Zas organizan un concurso de vídeo creación destinado a rapaces e rapazas matriculados durante este curso en estudos de secundaria ou bacharelato nos centros participantes.

Os obxectivos do concurso son conmemorar a festividade do Samaín, promover o uso da lingua galega entre a xuventude do concello e fomentar a creatividade de base en lingua galega como forma lúdica de galeguización e de creación do mercado cultural.

Poderán participar os rapaces e rapazas antes mencionados, de maneira individual ou formando equipos.

Os vídeos deberán ter unha temática que relacione o fomento da lingua galega coa festividade do Samaín, deberán estar en formato AVI e ter unha duración de 3 minutos.

Os equipos ou persoas participantes poderán entregar os seus traballos nos EDL dos centros de ensino até o día 18 de novembro.

O día 26 de novembro farase público o vídeo gañador.

O premio será un vale de compra para gastar en calquera libraría do concello de Zas.

Bases da convocatoria dun concurso de video creación con motivo da celebración do Samaín 2010 (PDF)

IV Encontro de Política Lingüística para as Administracións Locais da Coruña

Alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as e técnicos/as de normalización lingüística dos concellos da provincia da Coruña, reuniranse o mércores 20 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo para participar no IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais, unha xuntanza promovida pola Deputación da Coruña e organizada pola CTNL.

O Encontro foi presentado no propio Pazo da Cultura carballés polo deputado responsábel da Área de Normalización na Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande, e polo presidente da CTNL, Nel Vidal, que salientou que “un dato que chama poderosamente a atención é que máis do 75% dos servizos de normalización lingüística (SNL) que existen en concellos do país están na provincia da Coruña”, o que, segundo o voceiro da CTNL, “non é casualidade, pois é o froito da colaboración que ofrece a Área de Normalización Lingüística da Deputación”. Dentro dese traballo está tamén este Encontro, co que se procura a posta en contacto entre os distintos concellos, a coordinación e o deseño de liñas de acción conxunta.

Pola súa banda, o deputado Xoán Sande destacou que este encontro “está dando os seus froitos”, e que ano tras ano saen del “propostas positivas para a lingua”. Salientou tamén a importancia de que a partir deste ano a xuntanza terá lugar nunha comarca diferente do país, para así “implicar máis a todos os concellos no proceso de normalización social da lingua galega” xa que, segundo Sande, “as administracións locais xogan un papel fundamental para o galego pola súa proximidade coa cidadanía” e destacou que “co apoio da Deputación da Coruña, creáronse medio centenar de servizos de normalización lingüística” en 50 dos 94 concellos da provincia, polo que agora “cómpre intensificar e fortalecer o seu traballo e a súa visibilidade social”.

Nesta cuarta edición do encontro colaboran coa Deputación e coa CTNL os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Zas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Un programa con debate político, propostas de colaboración e mesas de traballo para planificar accións de promoción lingüística

O IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o mércores 20 de outubro, será inaugurado ás 10.00 horas polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o deputado responsábel da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán Manuel Sande e o presidente da CTNL, Nel Vidal Barral.

A partir das 10.30 h os alcaldes de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Zas, o popular José Luís Fondo Aguiar, o socialista José Ramón Varela Rey e o nacionalista Manuel Muíño Espasandín, debaterán sobre a normalización lingüística no ámbito comarcal. Este debate estará conducido e moderado pola xornalista Comba Campoy.

A continuación, ás 12.30 h, e logo dunha pausa, técnicos/as de normalización lingüística dos concellos de Bergantiños e Soneira presentarán unha proposta de acción conxunta entre os SNL destas comarcas.

Para rematar a mañá, ás 13.15 h, desenvolverase unha mesa de traballo sobre a procura da implicación no proceso de normalización lingüística de empresas e asociacións desde os concellos. Nesta participarán Pepe Blanco Alborés, que falará sobre a experiencia de implicación de asociacións no Concello de Zas; Luís Bará Torres, que falará sobre a xestación da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Concello de Pontevedra; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que falará sobre “Abertos ao galego”, un proxecto de promoción de empresas que traballan en galego.

Xa pola tarde, ás 16.30 h, terá lugar un encontro sobre o papel das administracións locais no ámbito do ensino e as posibilidades de colaboración e intervención. Este encontro estará guiado polas profesoras Ana Martínez Fernández, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, e Mercedes Queixas, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, ambas pertencentes á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

A xornada rematará cun resumo e conclusións ben especiais e retranqueiras, feitas a modo de disputa regueifeira humorística por Luís O’Caruncho e Bieito Lobariñas.

Neste encontro poden participar alcaldes e alcaldesas, concelleiros/as, técnicos/as de normalización lingüística, representantes de entidades implicadas no proceso de normalización da lingua (institucións, asociacións, empresas…), etc. Para facelo, é necesario confirmar asistencia até o 13 de outubro nos teléfonos 981 080 358 ou 981 080 300 ext. 4630 ou 4631; ou no enderezo electrónico: normalizacion.linguistica@dicoruna.es.

Programa completo en PDF

Nova na web da CTNL

Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña

Ferrol con lingua.com

Ferrol con lingua é un novo web deseñado para difundir as accións de promoción da lingua galega que se desenvolven desde o Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol

O Gabinete de Normalización Lingüística (GNL) do Concello de Ferrol impulsa o web www.ferrolconlingua.com para difundir e dar a coñecer as actividades de promoción da lingua galega.

A través deste espazo pódese acceder a información sobre accións de promoción lingüística dirixidas ao mundo do deporte, accións para os mercados, ou as accións para a mocidade e o ensino.

Desde o GNL de Ferrol traballan para procurar unha implicación real dos grupos de traballo, das entidades, das asociacións, das persoas interesadas en participar. Todo isto impulsado desde o Consello Municipal da Lingua, órgano de asesoramento en materia de política lingüística.

A idea, dinamizar o uso de idioma en espazos visíbeis, estratéxicos…

En Ferrol con lingua pódese acceder a información sobre as accións no ámbito sociocultural (ensino e mocidade, deporte, infancia e toponimia), no socioeconómico (campaña de promoción lingüística nos mercados) e no da propia administración.

Ferrol con lingua

Vía CTNL

Un verán de lecer. Guía de produtos culturais en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) en colaboración cos Equipos de dinamización e normalización lingüística (EDNL) dos centros de ensino do Concello de Zas editou unha guía de produtos culturais en lingua galega.

Un verán de lecer, que é o título da publicación, recolle unha serie de recomendacións literarias, musicais e audiovisuais en lingua galega clasificadas por idades, co obxectivo de que os potenciais consumidores coñezan a oferta existente en produtos culturais en lingua galega.

As guías repartíronse entre o alumnado dos centros de ensino do Concello e están a disposición das persoas interesadas na Biblioteca municipal e na Casa do Concello.

Un verán de lecer. Guía de produtos culturais en lingua galega (PDF)

Resolución do Premio Rosalía de Castro de Lingua 2010

O Premio Rosalía de Castro de lingua 2010 recaeu en Blogaliza.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Parabéns

A entrega será o 28 de maio en Ames

Vía Tati Mancebo

Blogaliza

Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña

Máis novas relacionadas neste blog

Charla de Evaristo Domínguez Rial no CEIP Labarta Pose de Baio

Dentro das Xornadas de Historia de Galicia, o pasado 14 de abril o profesor e xeógrafo Evaristo Domínguez Rial impartiu uha conferencia no CEIP Labarta Pose  de Baio

Charla de Bieito Alonso no IES Maximino Romero Lema de Baio

Dentro das Xornadas de Historia de Galicia, o pasado 12 de abril o historiador Bieito Alonso impartiu uha conferencia no IES Maximino Romero Lema de Baio

Visitas a exposición “Historia de Galicia”

Alumnado do CPI de Zas

Alumnado do CEIP Labarta Pose de Baio

IES Maximino Romero Lema de Baio

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes