Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas

 

Día: 28 de outubro
Hora: 18:30 horas
Lugar: Centro Sociocultural de Baio
Organiza: Concello de Zas

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web dos Bolechas para seguir xogando e conseguir lotes dos seus libros.

A lingua que queremos. Feira do libro de Carballo

O sábado día 29 as 20:30 h desenvolverase a actividade A lingua que queremos que consistirá na presentación conxunta dos seguintes libros: Lingua e futuro (Laiovento), coordinado por Goretti Sanmartín, Lingua de calidade (Xerais), de Xosé Ramón Freixeiro  e Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo (Laiovento), coordinado por Luís Villares.

Participarán Goretti Sanmartín (profesora da UdC), Xosé Ramón Freixeiro (catedrático da UdC), Luís Villares (xuíz) e Silvana Castro (profesora de lingua).

Máis información no blog Literactúa

O Consello da Cultura organiza un seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia

A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levounos a considerar a necesidade dun foro de reflexión sobre a situación sociolingüística de Galicia, a súa evolución recente e as fórmulas desexables para o futuro, tendo en conta o marco estatal español e o ámbito lusobrasileiro, cos que sen dúbida mantemos unha estreita relación.

O seminario desenvolverase en catro sesións, ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010, e cada unha delas xirará arredor de varios temas monográficos. Na primeira, que terá lugar en decembro de 2009, analizarase a situación sociolingüística actual. A segunda sesión, en marzo de 2010, xirará arredor dos modelos posibles de oficialidade e mais da regulación lingüística no sistema educativo. En maio de 2010 haberá unha terceira sesión, na que se reflexionará sobre a situación sociolingüística nos medios de comunicación e no ámbito socioeconómico. O seminario pecharase cunha cuarta sesión, en xuño de 2010, na que se debaterá sobre os modelos de convivencia para o futuro e se recollerán as principais conclusións das catro sesións.

O obxectivo final é a elaboración dun informe, que conterá unha selección dos relatorios e intervencións no seminario, e un texto de conclusións elaborado polos coordinadores, que será sometido á discusión dos participantes. Este informe será tamén elevado ao Consello da Cultura Galega.

A asistencia será restrinxida por convite do CCG. Pretendemos que ao menos un núcleo amplo dos asistentes participen regularmente nas sesións, contribúan aos debates e sobre todo colaboren na elaboración do documento final. Se a capacidade do salón o permite, poderán atenderse solicitudes de persoas interesadas.

Consello da Cultura

Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia

Folleto en PDF

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes