Curso de Celga 1 en liña

A SXPL presentou o primeiro curso en liña para a preparación das probas de certificación de lingua galega no nivel 1. Trátase do inicio da posta en marcha dun sistema de formación a través dunha plataforma virtual que ten como obxectivo potenciar a aprendizaxe do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o primeiro curso Celga 1 en liña orientado á preparación das probas de certificación de lingua galega deste nivel.

O curso está deseñado para ser realizado en trinta horas de aprendizaxe en liña e dispón das máis modernas tecnoloxías para resultar atractivo, ameno e cumprir os obxectivos de acadar o nivel básico de coñecementos de lingua. Distribúese en dez unidades, que constan de tres bloques cada unha. Ademais dos formatos clásicos de preguntas pechadas, para unir parellas ou encher ocos, o curso tamén combina imaxes animadas, textos e locucións, así como a posibilidade de gravación da voz do alumno. Así mesmo, a actividade dispón de fiestras con ligazóns externas nas que o alumnado poida atopar máis información ou explicacións de tipo gramatical relacionadas cos contidos da unidade na que se estea traballando. A avaliación do curso realízase mediante tests.

Os participantes no curso contarán coa supervisión dun titor, e disporán ademais dun menú de uso persoal con acceso ao correo interno da plataforma para a comunicación co titor.

Persoas destinatarias
Esta convocatoria está dirixida a todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en preparar a proba do celga 1 e que teñan coñecementos informáticos a nivel usuario.

Datas do curso
Do 4 setembro ao 12 de novembro de 2010

Matrícula
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es. Non serán admisible outra forma de inscrición.

Na mensaxe que envíen indicarán:

* Nome e apelidos
* DNI con letra
* Enderezo electrónico e teléfono de contacto
* Lugar de residencia
* Nivel de estudos

Prazo de matrícula
Do 9 de xuño ao 15 de xullo ambos os dous incluídos.

Criterios de selección
A selección farase por rigorosa orde de matrícula e ata cubrir as 105 persoas que se admitirán nos cursos.

Requisitos técnicos
As persoas solicitantes destes cursos deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

* ordenador con conexión á internet (preferiblemente co navegador Explorer)
* plugin de flash descargado e actualizado (para poder ver as imaxes)
* conta de correo electrónico

Publicación da relación das persoas seleccionadas e convocatoria para a presentación dos cursos
A listaxe de admitidos, cos grupos de cada curso e co titor ou titora encargado de cada un farase pública na páxina web www.xunta.es/linguagalega. Tamén se indicará o lugar e a hora en que as persoas admitidas serán convocadas para presentación e explicación do curso. Antes do comezo do curso o titor ou titora comunicarase por correso electrónico cos alumnos e alumnas admitidos.

O facer este curso non dá dereito a ningún tipo de certificado.

Os cursos son voluntarios, preparatorios da proba do Celga 1 e gratuítos.

Teléfonos de información: 981 957654 – 981 544402 – 981 546835

Máis información

Vía: CTNL

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes