A Mesa gaña o II Premio Rosalía de Castro de lingua

Membros do xurado do II Premio Rosalía de Castro de lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística é a entidade gañadora da II edición do premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña.

A concesión do galardón foi feita pública esta mañá durante unha rolda de prensa que contou coa asistencia do deputado responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, Xoán Manuel Sande Muñiz e dos membros do xurado, presidido por Salvador Fernández Moreda, e integrado por Manuel Rico Verea, da secretaría xeral de Política Lingüística; Xosé Manuel Sánchez Rei, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; Manuel Núñez Singala, da Universidade de Santiago; Marcos Mosquera, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Pilar García Negro, da Universidade da Coruña.

Segundo explicou Sande Muñiz, trátase dun premio de carácter honorífico, pois non conta con dotación económica, e recaeu na Mesa pola Normalización Lingüística “pola súa traxectoria de 25 anos a prol da normalización da lingua galega en moitos ámbitos sociais e públicos e como impulsora continuada da legalidade derivada da Lei 2/19983 de normalización lingüística de doutras leis autonómicas e do Estado”.

Carlos Callón, Presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística

O deputado provincial anunciou que o acto formal de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 7 de maio, durante a IV edición da Festa da Lingua que este ano se celebra en Carballo, e que contará coas actuacións de Marful e Berrobambán.

Pola súa banda, o voceiro do xurado, Manuel Núñez Singala, destacou a “dilatada traxectoria” da Mesa, “que é a maior entidade galega por número de socios” e que nos seus 25 anos de traxectoria “apenas foi premiada en Galicia, aínda que recibiu múltiples recoñecementos no exterior”.

A Mesa pola Normalización Lingüística impúxose a outras sete candidaturas, “todas elas merecedoras do premio”, segundo manifestou o voceiro do xurado.

Parabéns.

A Mesa pola Normalización Lingüística

IV Festa da Lingua

Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua 2011

Deputación da Coruña publicou no BOP número 44 do 4 de marzo a convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua.

Obxectivos

Darlle continuidade á convocatoria do Premio “Rosalía de Castro” iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.

Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Destinatarios/as

Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.

Méritos que se valoran

Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:

– tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego

– actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega

– uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos

– campañas de información e/ou publicitarias en galego

– contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural

O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.

Premio

O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso.

O Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.

Prazo

O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es

O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.

Xurado

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:

– Secretaría Xeral de Política Lingüística,

– movemento asociativo da provincia da Coruña,

– Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,

– Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,

– medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

– Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.

Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.

O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.

O xurado poderá declarar deserto o premio.

A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación.

O xurado queda facultado para interpretar estas bases.

Entrega do premio

A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.

Convocatoria do II Premio “Rosalía de Castro” de lingua

Resolución do I Premio “Rosalía de Castro” de lingua

Resolución do Premio Rosalía de Castro de Lingua 2010

O Premio Rosalía de Castro de lingua 2010 recaeu en Blogaliza.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

Parabéns

A entrega será o 28 de maio en Ames

Vía Tati Mancebo

Blogaliza

Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña

Máis novas relacionadas neste blog

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes