Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas

 

Día: 28 de outubro
Hora: 18:30 horas
Lugar: Centro Sociocultural de Baio
Organiza: Concello de Zas

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web dos Bolechas para seguir xogando e conseguir lotes dos seus libros.

Xeración dos Axóuxeres

Dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de editar uns materiais para promocionar a transmisión interxeracional da lingua.

Entre outras cousas podemos atopar un repertorio de nomes en galego para nenas e nenos, unha selección de cantigas de berce ou algúns xogos para desfrutar cos cativos e cativas.

Outra iniciativa interesante é a desenvolvida polo Concello de Narón que tamén ofrece de recursos aos pais e nais que desexen iniciar á crianza no uso da lingua galega.

Xeración dos Axóuxeres

Convocatoria de cursos en liña para preparar as probas de Celga 1

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca tres cursos en liña para a preparación das probas para a obtención do Celga 1. Os cursos terán lugar do 4 de abril ao 15 de xuño, e a matrícula está aberta até o 20 de marzo

Persoas destinatarias
Esta convocatoria está dirixida a todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en preparar a proba do Celga 1 e que teñan coñecementos informáticos a nivel usuario/a.

Datas do curso
4 abril – 15 de xuño (10 semanas)

Desenvolvemento do curso
Se se cobren 150 matrículas, organizaranse 3 cursos. Cada curso terá 50 persoas e contará cun titor ou titora.

Matrícula
As persoas que desexen participar nestes cursos deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seguintes datos:
-Nome e apelidos
-DNI con letra
-Enderezo electrónico e teléfono de contacto
-Lugar de residencia
-Nivel de estudos

Prazo de matrícula
Do 1 de marzo ao 20 de marzo ambos os dous incluídos

Criterios de selección
A selección farase por rigorosa orde de matrícula e até cubrir as 150 persoas que se admitirán nos cursos.

Teléfonos información
981 957654 – 981 544402 – 981 546835

Información completa da convocatoria (PDF)

Vía CTNL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións de Nadal

Bule e participa!

Anímate a construír unha presentación de Nadal electrónica para felicitar estas festas. Coas presentacións máis xeitosas elaboraremos unha galería para que este Nadal rule en galego na rede.

Envíanos a túa proposta antes do 20 de decembro e poderás gañar un lote de produtos de lecer.

BASES

1. A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións de Nadal en formato dixital para promover o uso da lingua galega na comunicación propia destas festas e no ámbito das novas tecnoloxías.

2. As presentacións (en formato .ppt, .pptx ou .odp) deben incorporar texto e este ha ser redactado en lingua galega. Evitarase incorporar audio, a non ser que este sexa de autoría propia.

A extensión máxima da presentación é de dez diapositivas.

3. O tema das presentacións debe estar vinculado ao Nadal (para felicitar o Aninovo, Día de Reis, Festa de Nadal en xeral etc.).

4. As presentacións deben ser orixinais e non poden estar publicadas previamente nin premiadas noutros certames.

5. Os traballos seleccionados formarán parte dunha galería de presentacións que estará dispoñible no espazo web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega)

6. O envío das presentacións farase por correo electrónico ao seguinte enderezo: secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es

Formato da mensaxe:

Asunto: concurso Nadal 2010
A mensaxe non debe vir asinada, senón que debe anexar, xunto coa presentación, un documento de texto no que conste o nome e apelidos do autor/a e, opcionalmente, un teléfono de contacto.

A conta de correo remitente será o contacto co autor ou autora.
A data límite de envío de presentacións é o 20 de decembro de 2010.

7. O xurado estará formado por persoal técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que escollerá as tres mellores presentacións que obterán premio, así como a selección de traballos que formarán parte da galería exposta na web de Política Lingüística.

O xurado dará a coñecer a súa decisión antes do día de Nadal.

8. Outorgaranse tres premios consistentes nun lote de produtos de lecer en galego (libros, cómics e cds e dvds) para cada un dos gañadores ou gañadoras. Non se entregará máis dun premio por participante.

9. As fotografías, imaxes, mensaxes e, en xeral, calquera contido empregado, así como calquera reclamación en relación cos mesmos, son responsabilidade exclusiva dos autores das presentacións.

10. A participación neste concurso implica a autorización automática á Secretaría Xeral de Política Lingüística para publicar a presentación. Así mesmo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística reserva para si o dereito de corrixir os erros lingüísticos que poidan aparecer no texto, co fin de evitar a difusión de presentacións incorrectas.

11. A participación neste concurso supón a aceptación destas bases e do ditame do xurado.

Concurso de Nadal (SXPL)

Listaxes de persoas admitidas e excluídas para as probas de Celga do mes de novembro

Celga 2

Persoas admitidas para participar nas probas de Celga 2 en Santiago de Compostela

Persoas admitidas para participar nas probas de Celga 2 na Coruña

Persoas excluídas para as probas de Celga 2 na Coruña

Celga 4

Persoas admitidas para participar nas probas de Celga 4 en Santiago de Compostela

Persoas excluídas para as probas de Celga 4 en Santiago de Compostela

Persoas admitidas para participar nas probas de Celga 4 na Coruña

*


Lugares e horarios de desenvolvemento das probas de Celga 2

Lugares e horarios de desenvolvemento das probas de Celga 4

SNL do Concello de Zas is powered by Wordpress | WordPress Themes